Data: 05/11/2010 Vistas: 127 Avaliación: 0
Sinatura Convenio Celtic Estores
O Foro Peinador sigue animando o proceso de reencontro das empresas coa identidade galega. Con esta finalidade celebrouse o acto de investidura de galeguidade empresarial da empresa CELTIC ESTORES, en Moraña, no que a dirección da mesma, co seu director-xerente ao fronte, as traballadoras e traballadores e un numeroso grupo de empresarios, foron testemuñas directas do compromiso de apoiar o uso da lingua galega no ámbito da empresa. Este acto simboliza un novo reencontro da economía coa identidade cultural de Galicia. A súa escenificación, facendo copartícipes aos traballadores como o activo máis importante da empresa, tivo unha grande presenza institucional e un apoio empresarial importante. A sinatura dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, co seu Secretario Xeral ao fronte, permitirá que este desexo sexa unha realidade que contribúa á normalización da nosa lingua na empresa.
Data: 29/01/2010 Vistas: 78 Avaliación: 5.00
Relatos da Paisaxe
Iniciativa levada a cabo para fomentar o coñecemento da nosa lingua, cultura e tradicións a través da lectura de relatos escritos por recoñecidos autores galegos que poñen a disposición do viaxeiro a posibilidade de coñecer a paisaxe. No acto de presentación, no concello de Cambados, recordouse a figura dun dos autores que xa non está entre nós: D. Gonzalo Jar Couselo. Con esta acción pretendeuse facer partícipes ao viaxeiros de varias das liñas de autobuses que a empresa TRAVIBÚS NOROESTE, S.A. ten na provincia de Pontevedra. A posta en valor do noso patrimonio paisaxístico, histórico e cultural a través da lectura e do visionado das fotografías que ilustran os relatos, farán redescubrir a realidade a moitos dos usuarios destas liñas de autobuses, participando deste xeito e con toda a naturalidade, na tarefa de espallar a mensaxe galeguizadora na sociedade.
Data: 20/05/2011 Vistas: 826 Avaliación: 4.44
Parladoiro con Ramón Lorenzo
Filólogo, investigador, académico da R.A.G. e
egrexio persoeiro da cultura de Galicia no que se debate sobre o presente e o futuro da lingua
galega.
Data: 15/05/2011 Vistas: 339 Avaliación: 5.00
Entrega Premios Bos e Xenerosos 2011
A Fundación Eduardo Pondal concedéulles os galardóns de Bos e Xenerosos á pedagoga Antía Cal Vázquez, ao escritor Xesús Alonso Montero e a Xosé González Martínez, presidente do Foro E.Peinador e dinamizador doutras plataformas culturais.
Data: 14/10/2011 Vistas: 720 Avaliación: 5.00
Parladoiro "En galego, agora e sempre"
En Galicia está moi arrizada a cultura da morte. No Día de Defuntos énchense os camposantos de xentes para renderen homenaxe á memoria dos seres queridos. Unha tradición que debería ser dedicada á restitución da cultura e idioma de todos os que nos precederon. Porque se Galicia segue a ter aínda hoxe cultura e lingua de seu, débeselle aos millóns de galegos e galegas que viviron, cantaron, amaron e choraron na nosa lingua. Urxe, xa que logo, restituír a memoria colectiva, e a mellor maneira de facelo é substituindo as lápidas en castelán por outras en galego. O seu legado cultural é merecente de tal homenaxe. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia está a promover diversos actos en colaboración con varios concellos galegos para levar adiante este proceso.
Data: 31/10/2011 Vistas: 664 Avaliación: 3.00
OS REITORES DAS UNIVERSIDADES GALEGAS CO FORO E. PEINADOR
Recuperar o diálogo entre a economía e a identidade galegas é un dos obxectivos fundacionais do Foro E. Peinador. Superar o dilema entre singularidade e globalización é hoxe a tarefa máis urxente que ten que resolver Galicia, as súas institucións e os xestores empresariais, para estar con personalidade propia nos mercados internacionais. Renunciar á singularidade é un acto de consecuencias irreversibles para a nosa identidade nacional. As estratexias empresariais débense asentar na forza que lles pode dar unha denominación de orixe vencellada a unha cultura e a unha lingua, como acontece coas marcas de prestixio internacional. Traballadores e consumidores teñen a obriga tamén de contribuír a acadar este fin. Os reitores das tres universidades galegas comparten esta preocupación. Velaí o por que da súa implicación e o seu compromiso co Foro E. Peinador.
Data: 31/01/2012 Vistas: 395 Avaliación: 5.00
O intelectual Arturo Noguerol
O pasado 31 de xaneiro o concello repuxo a placa que fóra substraida do edificio no que o avogado Arturo Noguerol tivera o seu despacho profesional situado na rúa Padre Feijoó.
A continuación no Centro Cultural da Deputación Provincial presentouse a obra "Ética e Estética de Arturo Noguerol" de D. Fernando Román.
Data: 09/03/2012 Vistas: 339 Avaliación: 5.00
Mil festas máis para a lingua galega
Nese propósito enmárcase a campaña que en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a cabo a Asociación de Funcionarios e que será presentada na Cidade da Cultura o próximo día 22 de marzo -xoves- ás 18:00 horas do serán.
Será un acto público no que tamén se homenaxeará a Prudencio Romo, que fora director musical do mítico Grupo "Os Tamara" quen na década dos 60 chegaron coa súa música, en galego, aos máis altos escenarios europeos chegando incluso a tocar na famosa sala Olympia de París. A súa canción "Galicia, Terra nosa" tivo tal éxito que despois dela a casa de discos non quería máis que cancións en galego.
Data: 22/03/2012 Vistas: 568 Avaliación: 5.00
En galego desde os palcos
A Cidade da cultura de Galicia acolleu a presentación da iniciativa promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia "Mil Festas máis para a lingua galega". Esta nova proposta vén continuando o labor emprendido hai ben anos para levar a lingua galega aos ámbitos das festas e do lecer. A proposta é respaldada, unha vez máis, pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Data: 13/04/2012 Vistas: 1510 Avaliación: 5.00
No bico un cantar
Co obxecto de dar difusión aos obxectivos das MIL FESTAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA, presentouse a campaña no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo diante de máis de tres mil persoas, onde se atopaban representantes de máis de oitocentas comisións de festas, concelleiros de cultura, promotores artísticos e público en xeral, que acudiron para coñecer as novidades presentadas pola empresa LUGONORTE de Espectáculos.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística inciden deste xeito, unha vez máis, nos axentes promotores das festas populares explicándolles o alcance da campaña e invitándoos a se sumaren á mesma.
|