Data: 29/06/2011 Vistas: 968 Avaliación: 3.50
Acto de inauguración do monumento a Don Fermín Bouza Brey
O día 29 de xuño de 2011, na Praza Bouza Brey da cidade de Pontevedra, a Irmandade Xurídica Galega erixíu un monumento ao insigne maxistrado D. Fermín Bouza Brey.
D. Xosé Luís Franco Grande, académico da R.A.G. e amigo do homenaxeado, foi o encargado de louvar a súa figura nun discurso cheo de emoción e recordos.
D. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, estivo presente no acto e dirixíuse ao público asistente, entre o que se encontraban os fillos do homenaxeado, louvando a figura do insigne polígrafo e xuíz.
Tamén D. Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, deixou constancia a través da súa palabra do moito que Galicia lle debe á figura e obra de D. Fermín Bouza Brey.
D. Xoaquín Monteagudo, Presidente da Irmandade Xurídica Galega agradeceu a colaboración de todos os que asumiron a proposta da Irmandade e fixeron posible que o monumento sexa xa unha realidade.
Dª. Isabel Bouza Alvarez, filla de D. Fermín Bouza Brey, agradeceu en nome da familia o recordo e os actos que a Irmandade Xurídica Galega leva a cabo na honra do seu pai.
Data: 13/09/2011 Vistas: 631 Avaliación: 5.00
NA ESTRADA, POLO DEREITO
No Concello da Estrada levarase a cabo o día 24 de setembro unha xornada sobre a galeguización do Dereito promovida pola Irmandade Xurídica Galega e o Concello. Foron invitados a participar no encontro todos os operadores xurídicos do partido xudicial, do que tamén forman parte os concellos de Forcarei e Cerdedo.
A utilización da lingua galega nos procedementos xudiciais perante todos os órganos xurisdicionais, e a solicitude expresa para que estes dicten resolución na nosa lingua, segundo o disposto na Lei de Normalización Lingüística, son os obxectivos da convocatoria.
Data: 14/10/2011 Vistas: 720 Avaliación: 5.00
Parladoiro "En galego, agora e sempre"
En Galicia está moi arrizada a cultura da morte. No Día de Defuntos énchense os camposantos de xentes para renderen homenaxe á memoria dos seres queridos. Unha tradición que debería ser dedicada á restitución da cultura e idioma de todos os que nos precederon. Porque se Galicia segue a ter aínda hoxe cultura e lingua de seu, débeselle aos millóns de galegos e galegas que viviron, cantaron, amaron e choraron na nosa lingua. Urxe, xa que logo, restituír a memoria colectiva, e a mellor maneira de facelo é substituindo as lápidas en castelán por outras en galego. O seu legado cultural é merecente de tal homenaxe. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia está a promover diversos actos en colaboración con varios concellos galegos para levar adiante este proceso.
Data: 19/10/2011 Vistas: 306 Avaliación: 4.75
Nova "Constitución da I.S.A.G.A."
O próximo día 29 de outubro constituirase a IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA a ISAGA.
O acto terá lugar no Teatro Principal da Estrada ás 12 da mañá, e nel serán investidos coa beca da Irmandade os primeiros 35 profesionais da medicina.
Data: 08/11/2011 Vistas: 591 Avaliación: 5.00
IGREXA GALEGA
Na historia da Igrexa galega hai unha amplísima nómina de cregos comprometidos coa inculturización da fe. É de salientar, na galeguización da liturxia, o papel que tivo na década dos anos sesenta o xesuita Xaime Seixas Subirá. Mais non estivo só nesta tarefa. Non debemos esquecernos dos movementos de cristiáns de base, partidarios desa inculturización da igrexa. Tamén é de xustiza recoñecer o labor realizado por moitos cregos que realizan o seu exercicio pastoral na nosa lingua. Monseñor Luís Quinteiro Fiuza, Bispo da Diocese de Tui-Vigo, é o protagonista deste novo Parladoiro con Xosé González, secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística.
Data: 14/11/2011 Vistas: 622 Avaliación: 4.00
EN GALEGO, AGORA E SEMPRE - Garantir o cumprimento das nosas vontades
Promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) e o Concello de Pontevedra, celebrouse o pasado día 28 de outubro no Pazo de Mugartegui, outro acto máis que co rubro "En galego,agora e sempre" se viñeron celebrando en Galicia últimamente. Máis de oitenta pontevedreses asinaron a acta notarial de derradeiras vontades para asegurárense de que os actos do seu sepelio se fagan en lingua galega. Don Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra; don Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro; e don Benito Montero Prego, fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra, que actuou en nome da AFNLG, tiveron senllas intervencións apelando á responsabilidade individual dos galegos e galegas para garantirlle á nosa lingua máis espazos de uso social.
Data: 30/10/2011 Vistas: 786 Avaliación: 5.00
EN BERRES, TAMÉN EN GALEGO
Nos eidos nativos dos escritores do Rexurdimento galego, Marcial e Avelina Valladares, celebrouse outro acto máis da campaña "En galego, agora e sempre" programados pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Nesta ocasión levouse a cabo da man do Concello da Estrada. No cemiterio parroquial de Berres descubríuse unha placa na memoria de todos os que ali están soterrados, e puxéronse outras dúas aos pés dos sartegos dos irmáns Valladares. A participación dos vecinos foi masiva. A música púxoa a Coral Polifónica da parroquia.
Data: 27/11/2011 Vistas: 463 Avaliación: 5.00
En galego, agora e sempre en Macendo
A igrexa da parroquia de Santa Maria de Macendo, no concello ourensá de Castrelo de Miño, foi o escenario elixido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística para poñer fin ás actividades, que durante todo o mes de santos, se viñeron desenvolvendo en moitos concellos de Galicia para fomentar o uso da lingua galega na liturxia, nas necróloxicas e mesmamente nas lápidas funerarias.
Data: 29/10/2011 Vistas: 519 Avaliación: 4.00
POLA GALEGUIZACIÓN DA SANIDADE
Con este obxectivo constituíuse a Irmandade da Sanidade Galega (I.S.A.G.A.) o pasado día 29 de outubro na Estrada. Esta nova Irmandade pretende galeguizar o ámbito sanitario, público e privado. No acto fundacional participaron un amplo número de profesionais do sector: médicos, enfermeiros, persoal de servizos, administrativos, persoal docente, etc… que formalizaron publicamente o seu compromiso de utilización da lingua galega no exercicio da súa profesión. En colaboración co concello, a segunda parte do acto estivo dedicada a lembrar ao
médico e humanista, D. Manuel Reimóndez Portela, que exerceu a profesión médica na Estrada e comarca.
|